jueves, 6 de noviembre de 2014

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO 2014


Angel Carracedo, un dos nosos científicos galegos de máis prestixio internacional. Director do Instituto de Medicina Forense en Santiago de Compostela, danos a súa opinión sobre a SITUACIÓN ACTUAL DA CIENCIA e da importacia da INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA  COMO MOTOR DO DESENVOLVEMENTO E DA RIQUEZA DOS POBOS.

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao
contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran
sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba
de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O
seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran
ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que
se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un
salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si
que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número
de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu
traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e
da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo
talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa
cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante,
pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que
aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”,
escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo
voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave
da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a
garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran
dedicarse a ela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario